A Ribeira Sacra

A Ribeira Sacra é froito dunha longa convivencia entre o labor humano, a pedra e a vide: cando menos desde o século X, as abas do val do Miño foron modeladas en socalcos para tirar o máximo proveito do sol e da terra, dando lugar a unha paisaxe cultural singular. Os meandros do río dan lugar a parcelas con distintas exposicións e expresións aromáticas; esta diversidade, xunto coa viticultura manual, achega unha riqueza de matices propia e dificilmente reproducible noutros territorios.

A Mencía é a variedade tinta máis emblemática da Ribeira Sacra. Enraíza en solos de lousa e cuarzo, acompañada polo río Miño, onde os socalcos debuxan unha paisaxe única. Algúns chámanlle “a Gamay galega” pola súa frescura e elegancia; pero é unha casta autóctona do noroeste ibérico, cunha identidade propia que se expresa en perfumes de froita, herbas e tensión atlántica.

Dende o miradoiro do Cabo do Mundo, onde o Miño describe un dos seus meandros máis recoñecibles, albiscanse as parcelas familiares das que nace Xeomante. Esta paisaxe dá sentido ao proxecto: un regreso á terra galega tras unha vida no outro «cabo do mundo», alén do Atlántico. Xeomante é unha visión de retorno, construída neste recuncho da Ribeira Sacra, onde memoria, paisaxe e viño conflúen na voz da terra.
